PuRaGa

Burro fariñeiro

DURANTE OS ANOS 2003 E 2004, DENTRO DOS ESFORZOS PARA A RECUPERACIÓN DAS RAZAS AUTÓCTONAS galegas, realizouse un estudo entre a poboación asnal,demostrándose que en Galicia, existía unha poboación racial homoxénea que se podía considerar autóctona. Naqueles anos calculouse que podería haber uns 180 exemplares.

Obxectivos da sección Burro Fariñeiro de PURAGA:
Puraga leva desde o ano 2005 loitando por conservar os cabalos de Pura Raza Galega e os seus xeitos de cría tradicionais. Preocupados polo importante descenso poboacional de asnos en xeral e da nosa raza autóctona en concreto, guiados por un cariño especial polas razas autóctonas e de acordo con cos fins recollidos nos nosos estatutos o 20 do marzo do 2012 creouse a sección burro fariñeiro co obxecto inicial de levar un control da poboación e conseguir-localizar unhas 50 – 100 cabezas, seleccionando os seus produtos e dirixindo os seus cruzamentos de cara a conservar unha raza á que tanto lle debe a nosa historia.

Prototipo racial:
CABEZA: POUCO VOLUMINOSA CON FRENTE ANCHA E LIXEIRAMENTE PLANA, ESCASO TUPÉ, orellas de tamaño medio, moi pilosas na súa cara interna e borde externo escuro, ollos oblicuos, medianos e de cor negra, beizos finos.

As extremidades son finas e curtas, fortes, caña curta, casco pequeno, negro, duro e ben proporcionados. Crin pouco poboada e lixeiramente levantada. Cruz discreta, rexión dorso lumbar ancha e lixeiramente deprimida, sendo a alzada á entrada da grupa maior da alzada á cruz. Peito estreito e tendente á profundidade grupa elevada, lixeiramente oblicua e oxival.nacemento da cola é medio, cola curta e pouco poboada.

O asno galego ou burro fariñeiro, é un animal de perfil recto ou subcóncavo, elipométrico e sublonxilíneo. Álzada á cruz entre 100 e 120 cm, e un peso de 120-180 Kg, nobre e afable. Capa pedrésa con diferente tonalidades cincentas en toda a superficie dorsal do corpo que se degrada cara as partes inferiores. Pelo de lonxitude media, denso, fino e liso.

DATOS EXTRAIDOS DO CARTEL PRESENTADO NO IV CONGRESO IBÉRICO SOBRE RECURSOS XENÉTICOS ANIMAIS 15-17 DE SETEMBRO DE 2004 (Autores: Pose H., Rivero G.,Adan S., Diaz R., Rois D.,Rivero C., & Fernandez J.)

Se desexa máis información cubra o seguinte formulario:


  • Lin e acepto os termos do Aviso Legal*
                              Márcanse con (*) os campos obrigatorios